Sunday 28 de April de 2024

Presentada a ordenanza de circulación da Pobra do Caramiñal


O goberno municipal da Pobra do Caramiñal levará ao pleno ordinario do día 31 de marzo a ordenanza de circulación, presentada nesta xornada polo alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e polo concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra).

 

Tal e como manifestou o edil, a nova regulación persegue, principalmente, facer fronte á crecente carencia de espazo público de estacionamento, á proliferación de innovadores sistemas de mobilidade persoal cuxo encaixe no actual sistema circulatorio debe encararse mediante unha normativa municipal e á cada vez maior preponderancia dos peóns e das peoas respecto do vehículo no centro das cidades e vilas, así como a influencia deste factor na seguridade viaria.

 

Entre os principais puntos de actuación atópase a regulación de zonas azuis (período máximo de estacionamento dunha hora e media) e zonas rápidas ou express (máximo 15 minutos), que se controlará mediante novas tecnoloxías, disco-comprobante-horario ou tícket; as zonas peonís; os vaos permanentes e temporais; as zonas verdes, é dicir, de estacionamento exclusivo para residentes, cuxo control se efectuará a través dunha tarxeta e aplicarase nalgunhas áreas durante todo o ano ou en tempada estival; as normas de circulación de vehículos de mobilidade persoal; e inclúense, ademais, as infraccións e sancións.

 

O rexedor explicou que esta ordenanza recolle as solicitudes da veciñanza e, trala publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), disporase de 20 días hábiles para formula-las alegacións que se consideraren oportunas. O documento pódese consultar na sede electrónica da Administración local.

 

A aprobación definitiva someterase ao pleno ordinario do mes de maio.